martes, 30 de setembro de 2014

Máis consecuencias negativas da inaxeitada xestión do anterior

A CONSELLERÍA NON OFERTARÁ PRAZAS GALEGAS NO VINDEIRO CONCURSO DE TRASLADOS DE ÁMBITO ESTATAL.

En breves datas está prevista a convocatoria do Concurso Xeral de Traslados a nivel estatal, como é preceptivo cada dous anos, e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia vén de anunciar nos medios de comunicación que ten intención de non sacar ningunha praza vacante en Galiza para ese novo concurso.

Estamos, pois, diante dunha das moitas consecuencias negativas directamente derivadas da nefasta xestión que se ven facendo nos últimos meses arredor do concurso xeral de traslados de ámbito galego. Nese sentido, queremos salientar como esa decisión da Consellería lesiona os lexítimos dereitos e intereses do colectivo de traballadoras e traballadores do ensino.

Por unha banda, afecta ás persoas que están actualmente en comisión de servizos, moi particularmente ás que ocupan prazas en comisións por conciliación da vida laboral e familiar. Pode acontecer que rematen a comisión neste curso (por exemplo, por cumprimento do límite de idade dos/as fillos/as); se así é, a estas persoas corresponderíalles un traslado ao que, non obstante, non poderán optar dentro de Galiza se a Consellería non saca prazas a concurso.

Afecta, tamén, a aquel profesorado que obtivo destino definitivo na convocatoria de 2012 e que, unha vez pasados dous anos desde entón, tería agora dereito a concursar para cambiar o seu destino definitivo. Este colectivo, en virtude da posición da Consellería, en lugar de agardar dous anos, terá que esperar tres para poder concursar de novo.

Outro grupo afectado pola decisión sería o do profesorado “suprimido”. Os/as docentes nesta situación dispoñen de seis convocatorias de concurso de traslados para acadar destino. Participando no concurso estatal que se achega, non poderían acadar unha praza en Galiza. Sería pois, desde esta perspectiva, unha convocatoria “perdida” para eles. No caso de que de ningún xeito acaden un destino, este seríalles adxudicado de oficio, onde cadre…

No que se refire á xente que desexa concursar dende outros territorios para a nosa comunidade, a decisión da Consellería déixaa sen opción posíbel de traslado ata dentro de dous anos, como mínimo.

Esta non convocatoria de prazas no vindeiro concurso xeral de traslados de ámbito estatal semella a única vía que se lle ocorreu á Consellería de Educación para minorar os efectos negativos en cadea que a chapuza do concurso xeral de traslados galego do curso 2013-14 está xerando.

No caso de que o Tribunal Superior de Xustiza resolva positivamente os recursos presentados ante el, actualmente pendentes de resolución, a Consellería tería que desfacer o concurso pasado e as persoas que actualmente tomaron posesión da súa praza en virtude da resolución dese concurso terían que voltar ao seu destino anterior a esa adxudicación. Foi precisamente para evitar esa situación polo que dende o STEG solicitamos o pasado agosto a suspensión provisional do CXT. Non ofertando vacantes galegas no vindeiro concurso de ámbito estatal, a Consellería tenta curarse en saúde diante dunha posíbel sentenza contraria ao baremo do concurso de ámbito galego, evitando así que a situación aínda se faga máis complicada e gravosa para as persoas afectadas, con posíbel anulación de máis traslados.

O STEG solicita á Consellería que, se finalmente decide non ofertar vacantes galegas no vindeiro CXT de ámbito estatal, promulgue unha regulación expresa que ordene debidamente, salvagardando ao máximo os dereitos laborais do profesorado, as situacións creadas pola súa decisión de non ofertar prazas nesa convocatoria.

En calquera caso, estamos unha vez máis ante unha clara vulneración dos dereitos do profesorado, nunha situación rocambolesca de incertidume laboral e xurídica que só pode atribuírse á inaxeitada xestión dunha Consellería que día tras día confirma a súa incapacidade manifesta para conducir como debería o ensino público galego.

As novidades desta semana das empresas de Abertos ao Galego

Esta semana recibimos noticias de Xerais,  Baía Edicións, Aira das Letras, Suévia, Biblos e Demo Editorial.

EDICIÓNS XERAIS envía información das súas novas edicións en libro electrónico: da colección de ensaio A alternativa está aquí, de María Reimóndez.

En narrativa Dende o conflito, de María Reimóndez e na colección Sopa de libros Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey.

Andrea Maceiras gaña o 6.º Premio Meiga Moira 2014 de Literatura Infantil-Xuvenil convocado por BAÍA EDICIÓNS. Segundo o xurado, a obra acaba por ser unha exacta e plural homenaxe ao libro e a lectura. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Nas novidades editoriais de Baía Edicións destaca a ampliación da aula virtual e os títulos sobre cogomelos.

A LIBRARÍA AIRA DAS LETRAS convoca o 3º concurso de micro-relatos. O tema escollido é Manuel Blanco Romasanta. Pódese participar até o 30 de setembro.

DEMO EDITORIAL envíanos información de dúas novas publicacións: A causa do crime, de Tokio e Nacho Camacho, con guión de Rodrigo Cota e debuxos de Jano.

BIBLOS. CLUBE DE LECTORES publicou o número 70 da súa revista que corresponde a setembro e outubro, de 32 páxinas a toda cor, con máis de 250 referencias de discos e libros galegos e portugueses e información das novidades máis salientábeis.

Na LIVRÁRIA SUÉVIA presenta o 30 de setembro ás 20 h a asociación Véspera de nada a 2ª edición da Guía para o descenso enerxético: por unha Galiza sen petróleo. O 24 de outubro ás 20 h  actuarán na libraría coruñesa Lucía Aldao e María Lado.

A plataforma pro escola pública convoca encerros nos centros contra a 'lei Wert' e os recortes

  • As mobilizacións están previstas a partir do próximo luns 6 de outubro
  • Instan a que cada centro elixa o formato dos dos encerros e a súa duración


A Plataforma Estatal pola Escola Pública convoca a docentes, alumnos e familias a que mostren o seu rexeitamento á posta en marcha da 'lei Wert' e os recortes educativos con encerros nos centros a partir do próximo luns 6 de outubro.

Así o anunciaron nunha convocatoria ante os medios celebrada este martes en Madrid. Sobre o modelo, invitaron a que cada centro elixa o formato dos dos encerros e a súa duración.

Así mesmo, convocaron para ese mesmo día "abrazos simbólicos" institucións con competencia de educación para dicir expresar que os devanditos organismos pertencen "á cidadanía".

Os Gobernos central e vasco alcanzan un acordo que deixa o éuscaro á marxe da lei Wert

  • Euskadi poderá determinar a aprendizaxe do éuscaro nas aulas
  • A decisión é froito dun acordo bilateral que non evita o recurso ante o TC polo groso da lei


Os boletíns oficiais do País Vasco e do Estado publicaron este luns o acordo bilateral, asinado polo conselleiro de Administración Pública e Xustiza, Josu Erkoreka, e o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, en torno á interpretación de varios preceptos da Lei Orgánica para a mellora educativa (LOMCE) e que permitirá "salvarguardar" o éuscaro e os consellos escolares desta.

O acordo chega tras seis meses de negociación bilateral entre os Executivos vasco e español e é de carácter parcial ao non evitar o recurso do Goberno vasco ante o Tribunal Constitucional interposto xa polo groso da lei, informou o Executivo de Vitoria.

Neste sentido, o Goberno vasco reiterou o seu "frontal rexeitamento" á reforma educativa aínda que considera "moi importante" que o Goberno español recoñeza explicitamente a capacidade de Euskadi para "determinar a aprendizaxe do éuscaro nas aulas, así como para establecer a relación entre os Consellos Escolares e as direccións dos centros educativos".

A LOMCE establece no seu artigo 38.4 que as administracións educativas deben integrar, en "proporción razoable", a lingua castelá e a lingua cooficial de maneira que se procure o dominio de ambas as dúas. Ademais, establece que, cando a Administración do Estado interprete que non haxa garantías neste sentido, poderá intervir no sistema autonómico para garantilo.

O Goberno vasco destacou a importancia do acordo alcanzado neste punto porque se consegue en Euskadi sexan "inaplicables os instrumentos de intervención" do Estado español neste suposto xa que se recoñece e explicitar que a lexislación vasca xa garante un uso de ambas as dúas linguas con criterios de "proporcionalidade razoable".

O 92% dos nosos enxeñeiros en Informática teñen a día de hoxe un posto de traballo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, presentou este xoves en Santiago un novo informe de seu sobre a situación laboral actual das enxeñarías TIC na nosa terra. O estudo, que é unha actualización e unha ampliación das investigacións feitas polo colexio en 2008, confirma unha vez máis o que xa se supuña a todos os niveis: malia a situación económica e laboral actual, máis ben negativa, as TI seguen a ser unha excelente aposta á hora de buscar o noso futuro.
O informe, que foi dado a coñecer ante estudantes e profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (tocándolles moi de preto o que nel se inclúe), sinala que o 92% dos participantes nas enquisas teñen arestora un posto de traballo. Segundo fixo saber Fernando Suárez, presidente do CPEIG, “nas enxeñerías en Informática en Galicia seguimos a ter unha taxa de desemprego moi baixa, tanto se a comparamos coa media nacional como se comparamos coas taxas doutras profesións”.
A investigación foi presentada en Santiago polo propio Fernando Suárez. O acto contou coa participación de Antonio Mosquera, director da ETSE; e Felicitas Rodríguez, xefa do Departamento de Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Por certo que a iniciativa contou, precisamente, con financiamento da axencia.
O presidente do CPEIG abriu a presentación en si mesma salientando que a investigación actualiza e amplía os estudos previos sobre a mesma materia publicados en 2008, estudos cos que se pretendía amosar a situación laboral das enxeñarías en Informática e expor tamén o impacto que estaban a ter nelas as crises (económica, social, de emprego) en calquera das súas manifestacións. O novo acubillo de datos é claro ao respecto: os tecidos académico, formativo, investigador e empresarial galego seguen a dar no cravo en materia de empregabilidade. Ao fío disto, Suárez salientou o importante papel despregado polas universidades da nosa terra, en boa medida responsábeis destes bos datos. Datos como por exemplo que a media de tempo para atopar o primeiro emprego é de dous meses e medio, ou que Galicia ten un índice moi alto de contratos indefinidos, case do 80%.
Ademais, dixo Suárez, tamén salientamos por achegar unha boa marxe para tarefas laborais de calidade. Deste xeito, salientou que o principal exercicio profesional que desenvolven os nosos licenciados é a elaboración de proxectos TI, e entre as súas competencias principais atópanse as de capacidade, as de aprendizaxe e as de adaptabilidade. Por outra banda, tamén é de ter en conta que a satisfacción coa formación recibida polos nosos profesionais sitúase nunha taxa do 3,37, case un notábel (a maioría dos nosos representantes do sector TI veñen das nosas universidades).
A maiores, o estudo tamén sinala que as principais motivacións para traballar neste sector son diferentes nos homes e nas mulleres. Os primeiros destacan a vocación, mentres que as mulleres as saídas laborais. Esta información lévanos dereitos cara a un dos datos que menos satisfan ao CPEIG no seu estudo: a escasa presenza de mulleres no sector e nos ámbitos académicos, un problema que se arrastra dende hai anos e que por desgraza semella estar empeorando. “Este dato preocúpanos e moito”, dixo o presidente do colexio, que destacou que na nosa terra están a facerse cousas para pórlle freo, como por exemplo as importantes actividades do CESGA (As rapazas nas TIC) ou o recoñecemento que cada ano convoca o CPEIG (Premio Ada Byron) para salientar o papel da muller no tecido das tecnoloxías da información. Con todo, dixo, fica moito por facer. “De feito”, engadiu, “coa baixa participación das mulleres nos estudos e nos ámbitos laborais TI, estamos a perder unha capacidade moi importante”. Ao respecto disto, o director da ETSE tamén achegou un dato a ter en conta: a escola só conta cunha taxa de estudantes mulleres do 10%.
Volvendo á análise do principal exercicio profesional, Suárez destacou que este correspóndese coa elaboración de proxectos informáticos, que representa o 43,78% do total. En relación a este último aspecto, cómpre salientar que a maioría dos enquisados (94%) amosa o seu acordo con que os proxectos informáticos sempre deberan ir asinados polo autor e que, ademais, as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática deberían ter atribucións para que soamente quen posúa o título poida asinar os proxectos informáticos (afirmación coa que coincide máis do 90% dos enquisados).
A idade dos enquisados está comprendida maioritariamente entre os 30 e os 42 anos, e a idade media é de preto de 37 anos. Destaca a porcentaxe de homes: 72,31 % do total, fronte a un 27,69 por cento de mulleres.
O informe global sobre a situación laboral das Enxeñarías en Informática realizouse, a través de Internet, a partir dun total de 494 enquisas, 341 dos enquisados son colexiados do CPEIG e o resto, do CPETIG.

A CIG-Ensino solidarízase co profesorado balear e desexa que acaden a derrogación do decreto de trilingüismo

Exixímoslle á Consellaría de Educación que abandone o seu modelo de trilingüismo e mude a súa actitude galegófoba.


A pasada semana, o Tribunal Superior de Xustiza Balear fallaba en contra do Decreto de Trilingüismo aprobado polo goberno das Illes Balears en abril de 2013. Este Decreto está inspirado no Decreto de Plurilingüismo imposto polo goberno do PP da Xunta de Galiza no noso país tres anos antes. Por este motivo, a situación e o debate que se xera garda certas semellanzas coas do noso país, especialmente no que ten a ver coa xurisprudencia sobre este modelo lingüístico.
Segundo a información que até agora transcendeu, o Tribunal Superior Balear tumba o Decreto por se ter vulnerado un dos elementos esenciais no seu trámite, a consulta da Universitat de les Illes Balears (UIB), que ten competencias en materia de lingua. Malia as diferenzas, podemos apreciar certas similitudes sobre o que significa o trilingüismo como mecanismo de redución da lingua propia entre o Tribunal Balear que acepta a argumentación dos recorrentes sobre o feito de que non se avaliou debidamente o impacto dun decreto de trilingüismo e o Consello Consultivo de Galiza no seu día.
Cabe sinalar que a Sala do Tribunal non examina a totalidade dos motivos polos que demandan os recorrentes ao considerar que tanto o incumprimento da consulta á UIB como “a insuficiencia da Memoria da análise do impacto normativo” son elementos que por si sós dan lugar á estimación do recurso contra o Decreto e por tanto a unha sentenza de nulidade e suspensión do mesmo.Nos medios cataláns podemos ler análises sobre a situación da lingua en que se deixa claro que o goberno do PP nas Illes Balears fixo do anticatalanismo a súa bandeira e emprendeu unha reforma da Lei de normalización de xeito unilateral, efectivamente algo moi semellante do que sucedeu en Galiza.
Mais se podemos atopar similitudes no texto normativo agora anulado, na intencionalidade do goberno que o promulga ou no combate que o profesorado balear emprendeu para impedir a súa aprobación e aplicación co Decreto de Plurilingüismo galego, non así na reacción do PP balear que ante a situación creada cesou a conselleira responsábel, algo que, desde a CIG-Ensino, interpretamos como unha evidencia de que o PP galego ten un deseño de eliminación da nosa lingua, que se constata  en cada decisión que sobre o galego se adopta..No caso balear, e como cabe agardar nunha situación destas características, xa se produciu a dimisión da conselleira responsábel e a que será nomeada nova conselleira anunciou que dialogará co profesorado para resolver a situación. “Exactamente como sucedeu en Galiza” tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza, se se nos permite a ironía.
A CIG-Ensino solidarízase co profesorado balear nesta loita e deséxalle que acade a derrogación do Decreto de Trilingüismo en beneficio da súa lingua propia. Ao mesmo tempo, exixímoslle á Consellaría de Educación que abandone o seu modelo de trilingüismo e mude a súa actitude galegófoba.

"A universidade ten que preocuparse por exteriorizar cales son os efectos dos recortes"

A CIG rexeita de plano o Plan de equilibrio orzamentario da USC, feito público a pasada semana polo equipo de goberno da universidade, sen negociación previa cos representantes dos traballadores e só uns días antes de remitirllo de forma definitiva á Xunta. A proposta busca un refinanciamento da débeda da institución, acompañado dun conxunto programa de recortes orzamentarios, sobre todo na área de persoal. En concreto, até o ano 2018 buscase reducir o custe deste apartado en 13,4 millóns de euros, a través da non reposición de prazas por xubilacións obrigatorias de funcionarios docentes e de persoal de administración e servizos.
A proposta busca un refinanciamento da débeda da institución, acompañado dun conxunto programa de recortes orzamentarios, sobre todo na área de persoal
Os sindicatos xa fixeron públicas nos últimos días as súas críticas tanto ao contido do plano coma ao seu proceso de elaboración, sen ter en conta as opinións da comunidade universitaria. “Dannos o prato xa cociñado e servido na mesa sen posibilidade de cambiar unha coma”, sinala Alba Nogueira, representante da CIG, que denuncia que o equipo de goberno da universidade decidise non negociar "unha cuestión tan transcendental e que afecta tanto aos traballadores".
Nogueira sinala que "os efectos destas medidas na sociedade van ser gravísimos" pois "van pechar titulacións" e "ponse en risco a competitividade da universidade a medio prazo". Entre 2010 e 2014 reduciuse o número de PDI en case 300, e espérase reducir outros 300 nos vindeiros tres anos, pasando de 2.300 docentes a ao redor de 1.700. "A universidade non lle di á sociedade cales van ser os efectos de funcionar cun 20% menos de persoal. Nesas condicións non é posible seguir mantendo as titulacións, os mestrados coma até agora, nin manter o nivel de investigación que está tendo a USC", sinala Nogueira. "Hai que pensar que na universidade os traballadores non son intercambiables: se se xubilan seis profesores de dereito, non pode poñer seis de químicas", engade.
A CIG critica igualmente que a USC lle "ofreza a súa cabeza á Xunta" sen poñer en evidencia "as razóns de por que imos a este plan de axustes, precisamente pola política de recortes do Goberno galego". Alba Nogueira explica que "nos últimos tres anos perdemos 50 millóns de euros de financiamento e ademais fixemos un aforro de 30 millóns de euros, entre recortes salariais, supresión de pagas extra e renegociación de contratos". Porén, continúa, estas medidas non supuxeron a redución "nun só céntimo" da débeda, porque "a diferenza doutras administracións, o que aforra a universidade, non entra na nosa caixa". "A universidade ten que preocuparse por exteriorizar cales son os efectos dos recortes", destaca.
A CIG critica igualmente que a USC lle "ofreza a súa cabeza á Xunta" sen poñer en evidencia "as razóns de por que imos a este plan de axustes, precisamente pola política de recortes"
Nogueira critica o que considera unha "política errática da Xunta" en materia de universidades, unha "falta de liña estratéxica". E alerta do efecto que estes recortes, o deficit de financiamento, e a non reposición de prazas poden ter no potencial investigador da USC e para o conxunto do tecido investigador galego: "O cadro de persoal das universidades galegas está moi envellecido, e o da USC moito máis, con moitos docentes nos 50 anos ou por riba desa idade. E está contrastado que o período vital de maior produción científica dáse entre os 30 e os 50 anos. O tecido investigador galego vaise ver moi afectado, tendo en conta o enorme peso que teñen nel as universidades públicas".

luns, 29 de setembro de 2014

Un novo curso onde continúa o desmantelamento da rede de Orientación

Nestes tres últimos cursos estamos asistindo a un desmantelamento da Rede de Orientación Educativa de Galicia (ROEGAL) publicada no curso 2009-2010 onde se recollía que “os Departamentos de Orientación dos centros de Educación Secundaria deixan de ter centros adscritos”, xa que se están adscribindo CEIPs aos Departamentos de Orientación dos IES unha vez comezado o curso e elaborados os horarios, coas dificultades que iso conleva á hora de elaborar unha programación axeitada e unha planificación do curso.

Estes cambios, denunciados polo STEG o curso pasado provocan que dependa da boa vontade dos Equipos Directivos facilitar a coordinación cos equipos de ciclo, a asistencia a Claustros, Consellos Escolares, CCP, Comisión de Convivencia, sesións de avaliación,…. que coincidan nas mesmas datas; facendo que o labor da orientación quede reducida á avaliación psicopedagóxica do alumnado e se deixen relegadas a un segundo plano, ou desaparezan, tarefas tan importantes como:
· Deseño de accións encamiñadas á prevención das dificultades
· Impulsar a participación do profesorado en programas de innovación educativa
· Promover a cooperación centro – familias
· Favorecer o proceso orientación vocacional e as transicións nas diferentes etapas e itinerarios educativos
O papel que se asigna á orientación é imprescindibel para que funcionen determinados programas como a Diversificación Curricular, PCPI, PROA, e resulta paradoxal que, por un lado se lle encomenden cada vez máis funcións, e por outro se escatime en persoal e non se recoñeza explícitamente o seu labor.
- IES de Quiroga: No curso 2012-2013 adscríbenlle en novembro o CEIP de Quiroga e o CEIP de San Clodio.
- IES Pedregal de Irimia en Meira. En outubro de 2013 adscribíronlle o CEIP de Meira e o CEIP Rosalía de Castro de Pol.
- IES Fonmiñá na Pastoriza: En outubro de 2013 adscríbeselle o CEIP O Salvador na Pastoriza.
- IES Plurilingüe Fontem Albei, na Fonsagrada está sen orientador dende hai 3 anos. Só vai dous días á semana a orientadora do CPI de Cervantes que tamén está compartida co CEIP Ponte de Doiras. O CPI asume do seu presuposto esta quilometraxe.
- CPI de Taboada, no curso 2013-2014 adscríbeselle o CEIP de Portomarín.
- CEIP Lois Tobío, Viveiro (305 alumnas/os) compartido ca EEI San Roque (104 alumnas/os). En outubro de 2013 adscríbenlle o CEIP Plurilingüe de Covas (202 alumnas/os).
- CEIP Pedrosa Latas (Celeiro-Viveiro) compartido co Santa Rita de Galdo (Viveiro) e o CEIP Vicente Casabella de Ourol en outubro de 2013, adscríbenlle o CEIP do Vicedo.
- CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro) ten creada a praza de Xefe de Departamento de Orientación compartida co CEIP do Vicedo. A praza está cuberta por un mestre definitivo que está con un permiso de Servizos Especiais ( por 4 anos) sen substituír.
- CEIP Antonio Pedroso Latas de Celeiro: No curso 2014-2015 dende o Servizo de Inspección propón a Orientadora do centro un dia fixo de presenza no centro independentemente das necesidades que haxa en Ourol porque só hai unha mestra para impartir clase e as nais e pais de alumnas/os están a presionar para que se arranxe esta situación.
- CEIP de Présaras. Concello de Vilasantar (Estrada de Curtis-Melide). Ó CEIP Virxe do Portal en Sobrado (A Coruña) adxudicáronlle o orientador/a no concurso de traslados mais finalmente foi a Orientadora de Teixeiro quen asumiu o centro a pesares de que xa compartía os centros de Curtis, Teixeiro e Présaras.
A comezos deste curso xurden casos como o do IES Illa de Sarón en Xove, onde a Xefatura do Departamento de Orientación a vai exercer a Xefa de Estudos e PT do centro (polo tanto unha persoa do corpo de mestras/es), contando co beneplácito da Inspección Educativa e perxudicando claramente ao colectivo de orientadoras/es.
O STEG denuncia asimesmo que a Consellería mantén sen cubrir dúas prazas, en cada unha das catro provincias nos Equipos de Orientación Específicos que brindan apoio especializado aos Departamentos de Orientación e a situación de provisionalidade dos orientadores en CEIPs onde as prazas estanse a cubir curso a curso con provisionais e non con persoal definitivo, o que daría estabilidade e continuidade ao traballo de orientación. Estes feitos fan imposible un futuro da orientación con prioridade ás intervencións sistémicas e preventivas e a formación do profesorado e das familias para que se incida na maior parte do alumnado.
- O Equipo de Orientación Especifico de LUGO ten dúas prazas sen cubrir correspondentes coa especialista en trastornos Motóricos e o de Trastornos Xeralizados do Desenvolvemento.
- O Equipo de Orientación Especifico de PONTEVEDRA: Ten a praza do especialista en Audición e Linguaxe sen cubrir.
- O Equipo de Orientación Especifico de OURENSE ten dúas prazas sen cubrir, o responsable de Déficits Sensoriais e o de Orientación Vocacional e Profesional.
- O Equipo de Orientación Especifico de A CORUÑA ten dúas prazas sen cubrir que se corresponden coa traballadora Social e o especialista en Audición e Linguaxe.

O PSOE leva ao Congreso 5.000 preguntas ao Goberno para "desmontar as mentiras de Wert" sobre bolsas e profesores

Presenta unha moción que formula elevar os investimentos en educación ata alcanzar, en oito anos, o 7% do PIB.

O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou este venres no Congreso dos Deputados unha batería de 5.000 preguntas escritas e dirixidas ao Goberno "para desmontar as mentiras do ministro Wert" sobre a baixada das bolsas e a redución do número de profesores.
O encargado desta batería de preguntas é o responsable do PSOE de Educación, Mario Bedera, quen recorda que na pasada sesión de control, o ministro "volveu negar dúas evidencias": a baixada de bolsas e o despedimento de máis de 24.000 mestres e profesores de secundaria e outros 6.000 docentes universitarios.
O obxectivo dos socialistas con estas 5.000 preguntas é solicitar estes datos provincia por provincia, comunidade autónoma por comunidade autónoma e universidade por universidade.
"Queremos saber cantos profesores se despediron, cantas bolsas e de que tipo se foron eliminando en cada unha das provincias e territorios de España, e tamén imos preguntar por todos aqueles programas de cooperación territorial que na época socialista se viñan pechando e acordando coas comunidades autónomas, como eran o 'Educa 3' ou o plan PROA, por exemplo.

"WERT SEGUE MENTINDO"

Así, di querer ter "datos fidedignos" que demostren que o ministro Wert "segue mentindo" en cada comparecencia e en cada ocasión que o PSOE ten a oportunidade de preguntalo sobre bolsas, profesorado e todos os programas de cooperación que facían que España baixase as cifras de abandono escolar.
Outro paquete de preguntas está dedicado ao profesorado. O PSOE quere saber cal é o número de efectivos do persoal docente e non docente contabilizados polo Ministerio de Facenda e Administracións públicas, nos distintos niveis de ensino, dende xaneiro de 2011 ata xuño de 2014.
Finalmente, os deputados socialistas interésanse tamén polos programas de cooperación territorial subscritos polo Ministerio de Educación coas distintas administracións, e a contía destes, dende o curso 2011-2012 ata agora.

MOCIÓN A SEMANA DO 7 DE OUTUBRO

Por outro lado, o Grupo Socialista presentou unha moción que será debatida e votada na semana do 7 de outubro, data do próximo Pleno do Congreso.
Esta iniciativa é consecuencia da interpretación ao ministro de Educación que Bedera lle formulou o pasado mércores, denunciado as "consecuencias no incremento da desigualdade que está a producir a súa nefasta política educativa".
Durante o debate o socialista chamoulle constantemente o "aínda ministro", ao mesmo tempo que lle instou en varias ocasións a marchar, igual que fíxoo o día anterior o seu compañeiro de gabinete ministerial, Alberto Ruiz-Gallardón. " Por que Gallardón e vostede non? ", preguntouno.
Na iniciativa, o PSOE propón elevar os investimentos en educación ata alcanzar, en oito anos, o 7% do PIB; derrogar os requisitos restritivos establecidos polo Goberno nos reais decretos de bolsas e axudas ao estudo, que eliminan a bolsa como un dereito; e eliminar os actuais límites da taxa de reposición do profesorado.
Así mesmo, reclámase recuperar o pacto constitucional e defender a educación como un servizo público de calidade; fortalecer a cooperación institucional entre as administracións públicas; adquirir un compromiso "forte e claro" coa educación pública en todas e cada unha das etapas e niveis educativos, destinando os recursos necesarios para garantir a igualdade de oportunidades para todos; e establecer un modelo de financiamento que garanta un chan común para todas as administracións públicas.

 

Presentado un kit dixital para facilitar a normalización do galego

Esta semana, até este xoves, estanse a desenvolver os XVI Encontros para a Normalización, uns encontros que veñen da man do Centro de Documentación Sociolingüística (Consello da Cultura Galega) e que podemos ver en directo a través da web de seu, consellodacultura.gal. Entre os recursos expostos nas xuntanzas e dirixidos a fomentar o emprego (e o emprego correcto) do galego a todos os niveis sociais, cómpre salientar un recurso que nos toca de preto pola súa ampla vertente dixital. Falamos do Kit para a Normalización, un sitio web no que se compilan ferramentas e contidos precisos para a planificación lingüística.
Segundo fixeron saber os responsábeis da súa posta en marcha, trátase “dun recurso pensado para facilitar o traballo das persoas que están a participar na normalización do galego, especialmente daquelas que realizan o seu labor desde os concellos de Galicia”.
O Kit, que xorde a raíz dun convenio formalizado entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunta información moi diversa. Segundo se fixo saber, “abrangue bibliografías, lexislacións ou recursos prácticos para a elaboración dunha diagnose fiábel sobre o contexto, un decálogo de boas prácticas, ou un directorio de entidades relacionadas coa lingua, e materiais de cursos, xornadas, recursos lingüísticos e webs de referencia”.
Os encontros conclúen este xoves prestando atención á política das institucións tomando como referencia os casos da xustiza e dos medios de comunicación.

O Goberno central e a Xunta continúan atacando o profesorado coa redución de salarios e das pagas extras

Feijoo engana a opinión pública xa que a parte da extra de 2012 que anuncia que vai devolver é a ordenada polos xulgados e non di nada sobre as pagas extras de 2013 e de 2014 (reducidas nun 40%) nin da restitución dos salarios que se reduciron en máis dun 20% en relación ao 2010.


O xoves, 25 de setembro, houbo reunión da Mesa Xeral de Administracións Públicas do Estado, da cal forma parte a CIG, na que se constatou que o PP continúa menosprezando e atacando os empregadas e empregados públicos.
Fomos convocados sen ningún tipo de documentación e a única información que tiñamos e coa que asistimos foi a que o Goberno central filtrara á prensa.
A CIG  considera e denuncia que esta reunión foi unicamente un acto hipócrita, xa que non ten nada que ver cunha verdadeira negociación para fixar as nosas  retribucións e desterrar a taxa de reposición de efectivos.
O Goberno central confirmou que:
  • Os orzamentos do ano 2015 continuarían coa da redución salarial que se nos vén efectuando desde o ano 2010.
  • Non actualizaría os nosos salarios, nin sequera conforme o IPC.
  • A recuperación da paga extra do ano 2012 limitarase unicamente á porcentaxe que os diferentes xulgados están recoñecendo e que a Xunta estaba condenada a pagar.
  • A taxa de reposición no ensino limitarase ao 20% dos efectivos, isto é, de cada 100 vacantes que se produzan por diferentes razóns, entre elas a xubilación, só cubrirán 20.

A CIG exixiulle ao Goberno:
•    A devolución completa da paga extra de 2012.
•    A restitución dos salarios desde o ano 2010.
•    A actualización dos salarios, como mínimo, igual ao IPC. 
•    As pagas extras completas.
Como consecuencia das numerosas sentenzas gañadas nos diferentes xulgados, a última do Tribunal do Contencioso-Administrativo da Coruña a un recurso presentado pola CIG-Ensino, e das solicitudes de extensión das mesmas, Feijoo viuse obrigado a anunciar o pagamento dunha parte reducida da paga que ilegalmente se nos arrebatou no ano 2012.
Por tanto, non só estamos ante unha agresión máis, senón que asistimos a un engano, intoxicación e terxiversación da opinión pública, ao dar a impresión de que imos recuperar toda a extra do ano 2012. Por outra parte, o profesorado galego segue a percibir as pagas extras reducidas (40%) desde o ano 2013. 
En consecuencia, a CIG-Ensino continuará coas mobilizacións até conseguir a restitución da totalidade da paga extra de 2012, o cobro das pagas extras completas, a recuperación dos nosos salarios, que desde o ano 2010 se depreciaron en máis do 20%, e a oferta de emprego público que, como mínimo, cubra as vacantes que se produzan.

Os equipos de normalización esixen a dimisión do secretario xeral de Política Lingüística

Os equipos de normalización esixen a dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ante "os evidentes pasos atrás que está dando a lingua galega, moi especialmente no ensino". A CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística), que agrupa os equipos de máis de 450 centros escolares de toda Galicia, censura a "incompetencia" de García "á hora de desenvolver a misión que se lle esixe á entidade que el representa" e "a nula promoción efectiva da lingua galega na sociedade".
A Coordinadora pide a marcha de Valentín García ante "os evidentes pasos atrás que está dando o galego, sobre todo no ensino"
A CGENDL lembra que apreciou un "intento evidente" por parte da SXPL de "adormecer o clima de conflito en torno ao idioma", mais que non se albiscou "ningunha mudanza esencial nas políticas de fondo, sobre todo no referido ao ámbito do ensino". Así, destacan a falta de resposta aos equipos de normalización das demandas trasladadas á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) desde que foi nomeado. Entre elas, a Coordinadora reclamou "diálogo e negociación" con todos os actores sociais para "chegar a consensos amplos que permitan traballar nos obxectivos fixados na Lei de Normalización Lingüística". Pero nada se fixo, segundo os reclamantes. De todas as medidas propostas, a CGENDL lembra que a SXPL "non lle deu ningunha solución" a nada malia a súa "boa acollida" nun principio.
A CGENDL pediu a derrogación do decreto do plurlingüismo "por non garantir no alumnado a formación na lingua propia"
En canto ao coñecido como decreto do plurilingüismo (79/2010), a CGENDL lembra que pediu a súa derrogación "por non garantir no alumnado a formación na lingua propia". Ao non ser así, exixiu unha análise das competencias orais en galego do alumnado, medidas para frear a desgaleguización maioritaria e acelerada no ensino, a mudanza da enquisa lingüística para Infantil (que foi anulada polo TSXG),  medidas urxentes para sacar o galego da exclusión e marxinación á que está sometido nos centros plurilingües e a aposta por un plurilingüismo inclusivo.
Ademais, a Coordinadora pediulle a elaboración dun decreto de promoción do idioma galego "para asegurar que o alumnado rematase os seus estudos con plena competencia en ambas linguas oficiais", a implantación de liñas de galego en Infantil e de programas integrados de linguas, o fomento de recursos didácticos actualizados e de calidade en galego, a dotación de materiais en galego ao programa Abalar ou o apoio decidido aos medios de comunicación en galego. Nada se sabe.
Tamén solicitara a creación de contidos atractivos na TVG para a infancia e a adolescencia, a promoción dun discurso en positivo cara ao galego e dun impulso real das actividades normalizadoras dos Equipos, unha mellora na regulación de horas de dedicación para os membros destes Equipos, así como formación específica para eles. Do mesmo xeito, reclamaron que a TVG facilitase programas e filmes en galego para empregar nas aulas, a activación das coordinacións provinciais ou a avaliación real das competencias en galego do alumnado non universitario.
Os equipos lembran que o único mandato positivo do decreto, a avaliación das competencias do alumnado, non se está a cumprir
A Coordinadora lembra que "cuestións tan preocupantes como as que o decreto 79/2010 introduciu nos centros de ensino empeoraron a xa complicada situación da nosa lingua". E ademais, din, non está a cumprir o único mandato positivo que recolle o devandito texto: a avaliación das competencias do alumnado, feito que "mostraría que a maioría dos e das escolares de zonas urbanas e periurbanas están lonxe de acadar o mesmo nivel en lingua galega ca o que teñen en lingua castelán".
"Implantáronse lexislacións lesivas para o noso idioma e un discurso nefasto cara á lingua asentado nos órganos de poder"
"A SXPL non organizou ningunha acción efectiva para prestixiar o galego no conxunto da sociedade, paso básico para que se poida impulsar a súa normalización nos diferentes ámbitos, especialmente no ensino", insiste quen denuncia "a falta de concienciación das familias ou o nulo investimento en programas que busquen a normalización real do galego". "Só son algunhas mostras da inacción que caracteriza a xestión do SXPL no ámbito educativo á que se lle suman lexislacións lesivas para o noso idioma e un discurso nefasto cara á lingua asentado nos órganos de poder", aclaran.
Cando se cumpren dez anos da aprobación unánime no PXNL, Valentín García "non foi capaz de retomar nin o máis mínimo punto en común do consenso acadado hai unha década e mantense en postulados de inacción, figuración, incompetencia na xestión e complicidade coas propostas máis regresivas cara á lingua galega". "Se aínda lle queda un mínimo de dignidade, debe presentar a demisión", finaliza a Coordinadora.

A comunidade educativa do Rosal segue mobilizada 17 días despois

Cumpríronse este domingo máis de dúas semanas de peche nas instalación do CPI Manuel Suárez Marquier para reclamar un mestre que “corresponde segundo o catálogo de postos de traballo publicado no DOG”, afirman.

Tivo lugar outra manifestación no instituto do Rosal, onde a comunicade educativa leva xa 17 días encirrada en contra dos recortes e os vetos. Ma mobilización, as consignas máis berradas foron: “Conselleiro cumpre a lei” ou “conselleiro trapalleiro en que gastas o diñeiro?”. Ambas frases amosan claramente cales son as preocupacións d@s ensinantes, xusto o día en que o presidente da Xunta ofreceu a Jesús Vázquez, titular desa carteira, como candidato municipal en Ourense.
“Pérez Ares conta ben ou Pérez Ares somos moitos máis de cen”, cantouse na manifestación. Esta consigna pretendía contestar as declaracións feitas polo Xefe Territorial de Educación de Pontevedra nun medio de comunicación, nas que dicía que a asemblea da ANPA na que se acordou realizar esta manifestación tivera escasa asistencia “cando foi a asemblea da ANPA máis numerosa dos últimos anos”, afirman desde o profesorado, que pensa manter a protesta.

venres, 26 de setembro de 2014

Os profesores de Baleares ateranse á anulación xudicial do trilingüísmo

O Goberno de Baleares (PP) quere esquivar os vetos á súa política educativa das tres sentenzas e catro autos unánimes do Tribunal Superior de Xustiza que anulan a vixencia e suspenden a aplicación do polémico modelo trilingüe de ensino. Mentres os profesores, directores de centros e inspectores manteñen o contrario que o Executivo, pretenden aterse ao veto xudicial, deixar de implantar o modelo e substituílo por outro onde está en desenvolvemento.
"O TIL (Tratamento Integrado de Linguas) morreu". "Cumpriremos as resolucións xudiciais, a legalidade,". Así se resume a posición dos representantes do sector maioritario da Asemblea de Docentes de Mallorca. En sintonía posiciónanse os tres sindicatos do sector educativo (STEI, CC.OO e UGT) e as corporacións de directores de instituto e inspectores.
En Baleares o conflito do trilingüismo vive outro punto álxido tras un ano de pugna social dende as escolas, o Parlamento e a rúa. A polémica co PP abriuse en setembro de 2013 cunha folga de tres semanas nas escolas e unha manifestación de 100.000 persoas nas rúas o 29 de setembro. O eixe do rexeitamento é a aplicación sen consenso co sector do ensino en inglés, castelán e catalán.
A oito meses das eleccións autonómicas, o Goberno de José Ramón Bauzá do PP mantén vivo un asunto de grande impacto social e público nas illas. Os xuíces consideran firmes e sen posibilidade de esquivar con meros recursos o cumprimento de tres sentenzas e catro autos que desactivan o decreto e a norma do TIL (Tratamento Integrado de Linguas) no seu segundo curso de implantación.
A maioría de docentes entende que o TIL "non" se ha de aplicar máis nos centros, se estes non teñen un proxecto lingüístico". E hanse de cambiar os proxectos nos das escolas que conten cun aprobado de acordo ao marco legal desautorizado polo Tribunal.
O presidente do Goberno de Baleares, José Ramón Bauzá, cala, evita opinar sobre a cuestión central da súa política. Tampouco fala a controvertida conselleira de Educación Juana María Camps. Dende o Goberno sostense que o fondo do TIL non foi cuestionado polo Tribunal polo que o marco legal e a súa normativa están 'vivos'. En medios xurídicos sostense que o TIL está claramente anulado e bloqueado polas decisións dos xuíces, sen probabilidade de que un recurso suspenda os autos no ámbito contencioso administrativo.
Uns 300 profesores reunidos este xoves en asemblea en Petra e en paralelo catro decenas de directores na súa asociación e da asociación de inspectores celebran que o Tribunal lles dá a razón. Ven amparada polos xuíces a súa intención de obxectar ou cambiar a aplicación da actual normativa TIL de ensino en inglés, castelán e catalán.
O Goberno balear do PP, pola contra, quere desactivar as sete sentenzas e autos do Tribunal Superior de Xustiza das Illas Baleares, que se coñeceron esta semana. O tribunal é máxima instancia xudicial en cuestións autonómicas. Unha réplica en casación ante o Tribunal Supremo, segundo distintos letrados, só é posible se debaten aspectos de leis estatais ou europeas, que non é o caso.

Un total de 1.336 alumnos galegos superan a selectividade en setembro

Un total de 1.336 alumnos galegos superaron as Probas de Acceso á Universidade (PAU) dos 2.275 que se presentaron aos exames realizados os pasados 11, 12 e 13 de setembro, informou este xoves nun comunicado a Confederación Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Segundo os datos facilitados pola CIUG, esta cifra supón o 69.65 por cento do total de presentados, que foron 1.918 na fase xeral. Por provincias, A Coruña sumou 584 aprobados, seguida de Pontevedra, con 474 aptos; Lugo, con 145 alumnos aprobados, e, en última posición, Ourense, con 133 alumnos.

O éxito de participación foi do 98,31 por cento, xa que dos 2.314 matriculados participaron (nas fases xeral e específica) un total de 2.275.

Os estudantes conformes coa súa nota teñen menos opcións, xa que no quinto prazo de matrícula xa case a metade das carreiras xa teñen as portas pechadas.

Esta semana cinco novas titulacións, Enfermería en Ferrol, Santiago e Lugo; e Psicoloxía e Bioloxía en Santiago quedaron sen prazas, do mesmo xeito que outros 69 graos dos sete campus galegos, case a metade do total dos máis de 140 que hai nas tres universidades da Comunidade.

O ano pasado foron 1.309 os alumnos que conseguiron pasar as probas de acceso na convocatoria de setembro, o 59,04 por cento, máis de dez puntos menos que nesta ocasión.


Educación traslada a Internet a súa cruzada contra os colexios 'rebeldes'

Non é a primeira ocasión na que acontece nin na que é obxecto de protestas. Dende a chegada do actual equipo de Goberno a páxina web da Xunta e, nomeadamente, a da Consellería de Educación, vén sendo soporte sistemático das críticas políticas do departamento que dirixe Jesús Vázquez contra as persoas e colectivos, especialmente a oposición parlamentaria e os sindicatos, que critican ou cuestionan a súa xestión. Así e todo, esa batalla da comunicación contra os rebeldes agudizouse no inicio do novo curso escolar e centrouse nos centros educativos que denuncian carencias de equipamentos ou de profesorado.
O equipo de comunicación de Educación inclúe sistematicamente na súa web, que é tamén o portal educativo de Galicia, comunicados de prensa para retrucar as críticas á súa xestión. Así, por exemplo, a web foi o vehículo para acusar a CIG de "desinformar e intoxicar", chamarlle "irresponsable" ao mesmo sindicato por non sentar a negociar as novas condicións dos comedores escolares ou cualificar de "antidemocrática" a súa actitude por opoñerse á enquisa para condicionar a lingua no ensino. O portal oficial tamén recolleu, por exemplo, acusacións contra o conxunto de organizacións sindicais de "mentir interesadamente" sobre cifras de redución de profesorado.
Este xeito de proceder vén amosándose aínda máis ás claras dende as primeiras xornadas de setembro, ata o punto que dende o comezo do curso, o pasado día 10, a web da Consellería acumula sete reprimendas dirixidas a outros tantos centros educativos díscolos. A primeira chegou o propio día 10 ante un peche anunciado nun colexio do Rosal por falta de docentes. Educación retrucou á comunidade educativa do CPI dicíndolle que o profesorado co que conta é "o preciso para atender o centro" e que a súa reclamación dun novo docente de Educación Física "non ten ningún sentido".
Dende o comezo do curso a web da Consellería acumula sete reprimendas contra outros tantos centros educativos que denunciaron carencias materiais ou de profesorado
Apenas unha semana despois, o día 18, a Consellería cargou contra tres centros con cadanseus comunicados. O primeiro foi para o colexio Feliciano Barrera de Ponteareas, que reclamaba máis profesionais de ensino infantil e obtivo como contestación que a Xunta está a dar unha "resposta moi xenerosa" ás necesidades do centro, suxerindo ademais que o profesor de Educación Física axudase nas tarefas de psicomotricidade no ciclo de Infantil. A continuación foi a quenda para o colexio de Manzaneda e para o alcalde da localidade, David Fernández, contra os que cargou polas súas protestas contra a decisión de surtir o comedor escolar a través dun catering. Ese día tamén houbo tempo para rifarlle á ANPA do colexio vilagarcián de Rubiáns, que considerou publicamente que as obras realizadas no centro non eran dabondo para paliar as súas necesidades.
Seguindo a mesma dinámica o día 19 a Consellería difundiu un dos seus comunicados máis extensos e duros, no que ataca a comunidade escolar do IES da Pobra do Caramiñal, acusándoa de querer poñer "os seus intereses por riba" doutros centros tras alertar publicamente das graves deficiencias do edificio. Xa nesta semana Educación arremeteu contra o instituto Primeiro de Marzo, de Baiona, instando os seus docentes a "adoptar unha actitude responsable" e insinuando que "instrumentalizan fóra das marxes do sistema educativo" as súas reclamacións de instalacións e material para un ciclo de FP. Por último -ata o momento- a web oficial lanzou acusacións contra o colexio cambadés Antonio Magariños e contra un dos seus profesores de Educación Física e as súas "reticencias" a non impartir a materia nun patio.

xoves, 25 de setembro de 2014

Pais de alumnos piden retirar a LOMCE cos mesmos argumentos que serviron para non aprobar a reforma do aborto


A Confederación Española de Pais e Nais de Alumnos (Ceapa) reclamou a retirada da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) sobre a base dos "mesmos argumentos" esgrimidos este martes polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, á hora de xustificar a retirada da reforma do aborto.
Así manifestouno o presidente da entidade, Jesús Salido Navarro, durante un acto en Madrid sobre o inicio do curso escolar en todo o país e na que o representante de Ceapa cualificou o razoamento de Rajoy de "perfectamente aplicable" ao caso da lei educativa, aprobado o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte o pasado 10 de decembro de 2013
Na súa opinión, o Goberno non tivo a "mesma reflexión" con estas dúas leis, algo que atribúe a que o país se encontra agora en período electoral e o Executivo fixo unha análise de "causa e consecuencia" e valorou en consecuencia que a aprobación desta lei carrexaba un "maior custo político" que o que tivo a LOMCE.
En termos similares expresouse o tesoureiro de Ceapa, José Luis Pazos Jiménez, quen enumerou os "paralelismos" que, ao seu xuízo, existen entre as dúas leis: que ambas as dúas conducen ao país "ao pasado", que ambas as dúas obtiveron o "rexeitamento" da sociedade e a "falta de consenso" coa oposición, a intención de aprobalas "por imposición" e o ultimato dado tanto polo ministro José Ignacio Wert como polo xa exministro Alberto Ruiz-Gallardón.
"Cando se levou a LOMCE ao Consello de Ministros, o ministro de Educación formulou un ultimato ao presidente do Goberno, que recuou e non afrontou o risco de cesalo. A única diferenza é que entón non había eleccións á vista e as enquisas mostraban resultados moi distintos para o PP dos que hai agora", interpretou.

O PSOE esixe a Wert que se vaia con Gallardón mentres o ministro defende a mellora de resultados pola súa política


Varios deputados socialistas esixiron ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, durante a sesión de control ao Goberno no Congreso que se vaia co ata agora o titular de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallarón. O ministro, pola contra, defendeu que dende que está á fronte da carteira de Educación os resultados educativos melloraron.
"Señor Wert, fáganos a todos un favor, únase vostede a Gallardón e á súa santa compaña de almas sen pena e deixe en paz ao sistema educativo e este país", pediu ao ministro o deputado socialista Guillermo Meijón, ao igual que a súa compañeira de filas María González Veracruz.
"Onte dimitía un ministro do seu Goberno porque non sentía que había un consenso na sociedade española coas políticas a poñer en marcha e eu lle pido, en nome do meu grupo, que se vaia con Gallardón e se leve as súas políticas clasistas", espetouno esta deputada.
O ton do debate elevouse durante a interpretación urxente cando o voceiro do PSOE de Educación nesta Cámara, Mario Bedera, pediu a Wert que faga o mesmo que Gallardón, que "se foi pola falta de consenso coa Lei do Aborto", a "mesma" que hai, ao seu xuízo, respecto á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
Bedera destacou que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, este mertes esgrimiu que a Lei do Aborto non podía seguir adiante por falta de consenso e porque non ía aprobar unha norma que outro Goberno ía cambiar. "Pero se isto é o que vai acontecer coa LOMCE", subliñou o socialista, que recordou que a maioría da oposición asinou un "compromiso de derrogación da lei".
" Por que a afirmación do presidente vale para a Lei do Aborto e non vale para a LOMCE? Vale para o señor Gallardón e non vale para vostede? Non pensou nin un momento en que quizais o señor Gallardón estaba a ser máis coherente ca vostede? Que ten vostede que non teña o señor Gallardón? ", preguntou sucesivamente Bedera a Wert, a quen repetidamente se dirixiu como "o aínda ministro".
O titular de Educación, que tivo que responder a catro preguntas dos socialistas e a unha interpretación nesta Sesión de control, sacou peito da mellora da taxa de abandono escolar temperán nos últimos anos, que se reduciu ata o 22,7%, mentres que entre 2000 e 2009, malia o aumento do investimento educativo, esta taxa se mantivo "estable", en torno ao 30 por cento.
WERT ACUSA OS SOCIALISTAS DE USAR PREXUÍZOS E NON DATOS
Fronte ás acusacións da oposición da baixada do investimento educativo, a suba das taxas, a redución de 210 millóns de euros en bolsas nos dous últimos anos, a eliminación dos programas de reforzo e apoio, o aumento da ratio de alumnos por aula ou o despedimento de 30.000 profesores, Wert acusou os socialistas de "utilizar prexuízos e non datos" cando falan do sistema educativo.
Para Wert tanto a intervención de Bedera, como a dos seus compañeiros de filas, aseméllase "ao día da marmota" e acusounos de dicir "sempre as mesmas cousas e non escoitar ningunha". Ao voceiro de Educación do PSOE díxolle en concreto que é "persistente" cara á súa persoa e afeoulle que lle "encha de insultos" cada vez que debate con el.
"Non" vou "polo camiño persoal. Non fixen ningunha observación sobre as súas pezas morais e persoais" díxolle Wert a Bedera, ao que acusou de non lle interesar os resultados educativos de España e do que se pode facer por melloralos. Non obstante, si recordou ao socialista a "pouca pegada" que deixou tras o seu paso polo Ministerio de Educación, como secretario de Estado, na última etapa do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, algo que xerou un gran balbordo na bancada do PSOE.
Fronte ás críticas de Bedera acerca de que o departamento de Educación se atribúa a mellora do abandono "o primeiro día de aplicación da LOMCE", o ministro sinalou que esta percepción "resulta ofensiva á intelixencia" e defendeu que a mellora deste dato ten que ver co aumento da matriculación na Formación Profesional, que pasou en dous cursos a contar con 610.000 alumnos 793.000 no 2014-2015.
O ministro recoñeceu que queda moito por resolver" na educación española, pero pediu á oposición que cambie" o 'chip' " e "asuma" que dende o Goberno se están a realizar políticas "con resultados". Por último, tendeu a man aos socialistas para que "entre todos" se mellore a educación, a equidade e a igualdade de oportunidades.

O prezo dos menús escolares sobe en 6 Comunidades; en dous casos, case un 20%

Os menús escolares subiron este curso case un 20 por cento en Cantabria e Estremadura, incrementaron o seu prezo tamén en Baleares, Castela e León, A Rioxa e Ceuta e só baixaron en Murcia.

Estas son as conclusións do estudo sobre o prezo dos menús nos comedores escolares das comunidades autónomas feito pola Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (Ceapa) e dado a coñecer hoxe polo seu presidente, Jesús Salido. "As desigualdades están a crecer a pasos axigantados porque segundo a comunidade na que vivas vas poder ter uns prezos ou outros e bolsas ou non", destacou Salido, que criticou, ademais, que a día de hoxe hai centros que aínda non comezaron as súas clases pola disparidade do calendario escolar.

Aragón, con 6,81 euros por menú escolar diario este curso 2014-2015 (o mesmo prezo que no anterior) é a rexión máis cara neste sentido, seguida de Navarra e Baleares con 6,50 euros; esta segunda comunidade incrementou un 8,3 % o seu prezo.

En Cantabria, cun prezo de 4,95 euros, incrementou un 19,3 % o diñeiro que deben pagar os pais polo menú escolar dos seus fillos, mentres que en Estremadura (4,80 euros) a subida é do 18,8 %.

Pola contra, Asturias (3 euros) e Canarias (3,30 euros) son as rexións cos prezos máis baixos e sostiveron o prezo que o pasado curso.

A Ceapa tamén fixo un repaso doutros aspectos do curso escolar e asegurou que as "desigualdades entre comunidades" aumentaron.

Fixo fincapé nas diferenzas nos prezos dos menús escolares, asegurando que hai algunhas empresas de comedores que están a ter beneficios de ata 30.000 euros ao mesmo tempo que diminúen as bolsas.

Ademais, resaltaron que os prezos e a baixada do número de bolsas están a provocar unha diminución de ata 1 de cada 3 comensais.

En canto aos libros de texto, insistiron en pedir que sexan gratuítos na educación obrigatoria e que sexan os centros os que faciliten devandito material; recordaron que só en Andalucía e Navarra séguese un modelo gratuíto total.

Por outra banda, criticaron que os calendarios escolares sexan tan diversos segundo as autonomías. "Este ano o inicio do curso é caótico e para as familias é cada vez máis complicado por aplicarse normativas a última hora", comentou o tesoureiro da Ceapa, José Luis Pazos, que asegurou que valoran se acudir aos tribunais por este asunto.

Tamén comentaron que se pretende" que os pais, ao ver que os centros públicos cada vez están "en peores condicións", opten polos concertados e sinalou as dificultades dos mozos dos medios rurais, onde se están "desmantelando" pequenos centros.

En canto á FP Básica que fixa a Lomce desde este curso, a Ceapa dixo que a súa implantación está a ser "un desastre" e que os propios centros e docentes están "a desaconsellar" aos mozos que opten a ela.

A FP Básica é "unha vía laboral vestida de educación" coa que os estudantes serán "aprendices" e terán "un futuro de nada", segundo Pazos. "Ao Goberno non lle importan os cadáveres" de estudantes que quedan polo camiño e só buscan sacar do bacharelato a moitos, salientou a vicepresidenta da Ceapa, Elena González, sobre a FP Básica.
      
O seguinte cadro recolle, por comunidades autónomas, os prezos dos menús escolares deste curso e o pasado e a súa variación porcentual:
      
       CC AA         2014-15       2013-14        Variación %
       =====================================================
       Aragón        6,81          6,81             =
       Navarra       6,50          6,50             =
       Baleares      6,50          6                 8,3 %
       Cataluña      6,20          6,20             =
       C e León      5             4,63              8 %
       Cantabria     4,95          4,15             19,3 %
       Madrid        4,87          4,87             =
       Estremadura   4,80          4,04             18,8 %
       Murcia        4,80          4,88             -1,6 %
       C-A Mancha   4,77          4,77             =
       Andalucía     4,50          4,50             =
       Galicia       4,50          4,50             =
       A Rioxa      4,44          4,23              5 %
       C.Valenciana  4,25          4,25             =
       Ceuta         3,75          3,65             2,7 %
       Canarias      3,30          3,30             =
       Asturias      3,00          3,00             =


A CIG-Ensino pídelle ao Valedor do Pobo que medie para que Educación certifique as prácticas dos mestres do Plan do 67

A CIG-Ensino dirixiuse ao Valedor do Pobo que proceda para que a Consellaría de Educación achegue unha solución ao profesorado do plan do 67 que segue sen poder certificar as prácticas remuneradas a fectos de tempo cotizado e ao que lle remata o prazo par facelo o 3 de decembro deste mes. A CIG-Ensino xa se dirixiu no mes de maio á Consellaría de Educación para que certificara a realización destas prácticas ao profesorado xa que hai profesorado que, malia reunir todos os requisitos, non pode conseguir esta certificación das prácticas, debido a que o centro onde as realizou xa non existe ou non hai documentación daquela época. Accede no interior ao escrito dirixido ao Valedor.


Ligazón ó escrito.

A Xunta ataca o profesorado do instituto da Pobra por denunciar o mal estado do edificio

A finais de agosto o Punto de Encontro do Ensino Público da Pobra do Caramiñal, un foro que reune os centros educativos e as Anpas da vila barbanzá, alertaba de que, ante o inminente inicio do curso escolar, o edificio do instituto de Secundaria pobrense tiña sen subsanar múltiples deficiencias. Humidades, filtracións de auga, fendas ou barreiras arquitectónicas e un longo etcétera de "problemas" poden "afectar negativamente tanto á saúde como á seguridade de case 500 rapaces do centro" e por iso reclamaron ante a Xunta que os subsanase. O xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, non só admitiu as deficiencias, senón que as acrecentou ilustrando que o instituto está "a monte" e fixo recaer a responsabilidade no propio centro que, asegura, non emprega o seu orzamento de mantemento para facer os arranxos. O claustro docente, "indignado" retrucoulle ao cargo da Xunta reafirmándose na denuncia e agora a Consellería atácaos publicamente porque, di, se dedican a facer política.
Tras as declaracións do xefe territorial e despois de que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, visitase un colexio da vila pero non acudise nin se referise ao instituto o profesorado elaborou unha dura carta aberta para, ademais de manifestar "indignación" e "absoluta repulsa e protesta", "precisar" as razóns do mal estado do centro, sobre o que "o máximo responsable da educación pública na provincia da Coruña non debería facer un xuízo público sen fundamentarse en datos obxectivos" sobre "a actuación dos profesionais do ensino público que, na súa maioría nomeados de xeito forzoso para equipos directivos do centro, poñen todo o seu saber, facer, profesionalidade e responsabilidade na mellora" do instituto.
Os docentes explican que "só entre 2010 e 2013" saíron do orzamento do centro "uns 100.000 euros" para "reparacións e mantemento" de elementos como a alarma, o ascensor, as caldeiras, elementos de fontanaría, electricidade ou informática. A esa cantidade, agergan, cómpre sumarlle 25.000 euros de 2014 e outros 35.000 de subministros. "Todo este conxunto de actuacións come boa parte do orzamento e unha parte inxente do tempo do equipo directivo" que, "en lugar de estar centrado en tarefas pedagóxicas, se ve continuamente requirido para estas necesidades". Así e todo, "as deficiencias e necesidades do centro rebordan, con moito, a capacidade de actuación do centro" tanto "a nivel económico" como "de toma de decisións, coñecementos técnicos e dedicación temporal".
O claustro denuncia humidades, filtracións, barreiras arquitectónicas e mesmo curtocircuítos que derivan "en incendio"
Na propia carta aberta o profesorado achégalle ao xefe territorial unha lista de "deficiencias que dificilmente se solucionarían a cargo dos orzamentos do centro" por afectar a elementos tan sensibles como a estrutura do edificio, cun aulario e zona administrativa de 30 anos de antigüidade que "precisan, nalgúns aspectos, reformas integrais" en ámbitos como tellados "de chapa metálica con nulo illamento" ou "terrazas sen cubrición" con "continuas entradas de auga". Un sistema de calefacción "totalmente obsoleto", caldeiras "con perdas e ruídos" que chegan a "molestar o normal desenvolvemento das clases", fiestras sen illar ou pingueiras forman parte dunha lista na que tamén se atopa a instalación eléctrica que, "especialmente na zona máis antiga, presenta continuos problemas, con saltos de liña, cortes e mesmo algún curtocircuíto que derivou en incendio".

A Xunta ve "política" nas reclamacións

A longa relación de desperfectos, que tamén dan lugar a un aspecto exterior "verdadeiramente lamentable" por falta de pintura fai que os docentes reclamen unha intervención inmediata da Consellería de Educación que, pola súa banda, respondeu iradamente a través dun comunicado que tamén publicou na súa web oficial. Nese comunicado o departamento de Jesús Vázquez acusa o claustro de "tentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros educativos". "Non se comprenden as esnxencias que están a facer" despois de que "o director do centro e o alcalde da Pobra", Isaac Maceiras (PP), "acordasen desenvolver as obras no Nadal", acordo que "o director agradeceu".
A Consellería acusa o profesorado de "tentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros"
A Xunta, di o documento, "estivo este verán a realizar melloras noutros centros educativos" que considerou "máis prioritarias" e "agora se comezarán a cubrir outras necesidades, como é o caso deste IES". Na liña do manifestado polo xefe territorial a Consellería sinala ademais que o instituto "podería realizar algunhas melloras" con cargo ao seu propio orzamento e, asemade, insiste en que as deficiencias son "fundamentalmente danos ocasionados pola falta de mantemento, polo que non é lóxico atendelas antes que outras". Neste escenario Educación "chama á responsabilidade" dos docentes e acúsaos de "utilizar" a "imaxe dalgúnhas alumnas e alumnos pintando as paredes do centro" como "clara instrumentalización política dun asunto que debería quedar estritamente no eido administrativo educativo".
A CIG apoia o profesorado ante o "ataque" do departamento de Jesús Vázquez
Ante este "ataque" ao profesorado a CIG Ensino manifestou este martes o seu "apoio" ao claustro do IES pobrense, ao tempo que censura que a Xunta "utilice a súa páxina web" para publicitar "un comunicado no que volve agredir o profesorado". "É indigno dun responsable educativo que pretenda que se gaste o orzamento destinado ao funcionamento do centro en reparalo e pintalo", indica o secretario nacional do sindicato, Anxo Louzao, quen ademais subliña que é "habitual que as autoridades educativas, ante a falta de argumentos, acusen de facer política a quen se mobiliza e demanda que a administración cumpra coa súa obriga". "Non se pode terxiversar a realidade, xa que a comunidade escolar reacciona ante unha actuación política da Consellería con total dignidade e lexitimidade", conclúe.

Demite a dirección do IES Vilar Ponte (Viveiro) por escaseza de profesorado

A equipa directiva presentou a súa renuncia após comunicárenlles desde a Xunta que non se cubriría o cupo de docentes que marca a lei.

Após coñecer o acontecido no Concello do Rosal (Pontevedra) onde as familias permanecen fechadas no CEIP Suárez Marquier desde hai 13 días polo rexeitamento da Xunta a cubrir a totalidade das prazas docentes, máis un centro de ensino público inicia accións.
Neste caso, a dirección do IES Vilar Ponte, en Viveiro, presentou a súa renuncia logo de lles comunicaren desde a administración que non será cuberta unha praza de Lingua Castelá. O recorte vén a se sumar á perda dunha outra praza e media cuxo recorte xa foi anunciado ao centro a comezos do mes de setembro.
A Xunta non cubrirá unha praza de Lingua Castelá após recurtar a comezos de curso unha outra praza e media
Desde o IES Vilar Ponte aseguran que a asignación das quendas e distribución dos horarios se tivo que desenvolver en precario perante un incremento no número de estudantes. Para a equipa docente a Xunta "incumpre o cupo que a propia Administración lle tiña asignado ao centro e promove unha situación que obriga a unha reestructuración de toda a súa oferta educativa co curso xa empezado".
De igual maneira que acontece no CEIP Suárez Marquier, a supresión dunha praza de Lingua Castelá suporá a eliminación de gran parte das medidas de atención á diversidade que tiña na actualidade o centro, coma por exemplo, os agrupamentos específicos e reforzos educativos nesta materia, segundo advirten desde a dirección. Neste senso, denuncian que "promovendo estes continuos recortes é moi probable que o alumnado non pise un laboratorio en toda a secundaria obligatoria".
"A administración pon de manifesto a súa total insensibilidade", denuncian
Desde Inspección emprazaron o centro a suprimir unha unidade educativa en 1º da ESO para compensar a perda mais, sinalan, isto suporá que este curso "pasaría a preto de trinta alumnos por aula nunha etapa onde hai un considerable número de alumnos que polas súas necesidades educativas precisan dunha atención individualizada en grupos máis reducidos".
"A cerrazón da Administración Educativa nesta arbitraria decisión, pon de manifesto tamén a súa total insensibilidade coa particular realidade educativa do centro, onde hai unha elevada porcentaxe de alumnado inmigrante e de minorías étnicas. Os razoamentos esgrimidos para xustificar este incomprensible recorte, deixan ben claro que para a Administración, o alumnado é só un mero número estatístico, e non persoas individuais cunhas necesidades educativas específicas e diversas", denuncian desde o IES Vilar Ponte.


mércores, 24 de setembro de 2014

Educación comeza o curso enfrontada cos centros educativos

O departamento de Jesús Vázquez emitiu nos últimos días ata cinco comunicados para desmentir as deficiencias, falta de medios e de docentes de numerosos centros galegos.

O inicio do curso escolar está resultando un caos para a Consellería de Educación. Ao departamento de Jesús Vázquez acumúlanselle os problemas e as denuncias. En menos de quince días, o seu servizo de prensa tivo que contestar públicamente aos problemas acumulados no CEIP Antonio Magariños, de Cambados; o IES Primeiro de Marzo, de Baiona; o IES da obra; o CEIP Feliciano Berrera, en Ponteareas e o CPI Suárez Marquier, de O Rosal.
 
E non son os únicos. Distintos centros do país tamén se teñen queixado de problemas relacionados con falla de docentes, material ou servizos básicos como a luz e a electricidade. 
 
O regueiro de desmentidos da Xunta comezou o pasado 10 de setembro. "A Consellería de Cultura e Educación lémbralle á comunidade educativa do CPI Suárez Marquier ( O Rosal) que o profesorado co que conta é o preciso para atender as necesidades do centro". Unha resposta as críticas que lle choveron desde o centro, dos partidos políticos, e mesmo por parte do propio Concello, do PP, sobre a ausencia de docentes.
 
Uns días despois, o 18 de setembro, novo desmentido. "Cultura e Educación dotou ao CEIP Feliciano Berrera (Ponteareas) de profesorado suficiente para atender as tres unidades de infantil, que teñen unha ratio de menos de 12 alumnaos por aula". Tamén os docentes deste centro se queixaran da falla de persoal en infantil.
 
O 19 de setembro a consellería "lamentaba a actitude do IES da Pobra ao tentar poñer os seus intereses por riba dos de outros centros educativos". A dirección do centro queixouse polas deficiencias do centro e a falla de material para afrontar o inicio do curso. "O centro dispuxo este ano de 210.000 euros entre gastos de funcionamento e remanente, cos que podería ter realizado o pintado" e "acordou coa dirección do centro e co Concello realizar no Nadal as obras neste instituto", engadía.
 
O 22 de setembro, o departamento de Jesús Vázquez tamén tiña que saír ao paso das críticas doutro centro en baiona. "O informe da Inspección Educativa confirma que o IES Primeiro de Marzo conta coas instalacións e material necesario para impartir a FP Básica de electricidade e electrónica", sinalaba tras as críticas do claustro de docente. 
 
O 23 de setembro tocáballe a quenda a outro centro de Cambados. "A Consellería de Cultura e Educación está a reducir ao mínimo as molestias polas obras de mellora do CEIP Antonio Magariños, que supoñen un investimento de máis de 250.000 euros". Nesta ocasión, profesores, alumnos e pais criticaron as dificultades, por falta de espazo, para desempeñar as actividades docentes.
 
Foron os desmentidos feitos pola Xunta logo das críticas recibidas por sindicatos, partidos politicos, direccións e claustros de centros e mesmo asociacións de pais. Todos eles insisten nas deficiencias de numerosos institutos e colexios, na falta de medios materiais e de docentes para afrontar o inicio do curso escolar. Unha situación provocada, din, polos recortes a un servizo público como é a educación.

O Ministerio de Educación prosigue no proceso de desmantelamento das universidades públicas

Prevé o mantemento dunha taxa de reposición do 10% e quere prolongar a precariedade contractual.

A CIG asistiu á Mesa Sectorial de Universidades convocada polo Ministerio de Educación para debater o proxecto de reforma do sistema de acreditación e a regulación de concursos de traslados nas universidades. A CIG valora moi negativamente todas as reformas en marcha. O Ministerio non aborda os principais problemas que sofre o profesorado universitario derivados dunha política continuada de restricción orzamentaria e recortes. A taxa de reposición, nomeadamente, estrangula a renovación do cadro de persoal e impide a promoción profesional. A contratación precaria e os sucesivos recortes salariais colocan a unha masa crecente de profesorado en condicións laborais inasumibeis.
O Ministerio indicou que non vai negociar os cambios e limita o funcionamento da Mesa sectorial a un intercambio de suxerencias violando as obrigas de negociación que existen neste ámbito.
Taxa de reposición e precariedade laboral
O ministerio informou que o ministerio de Facenda vai presentar un proxecto de lei de orzamentos do estado mantendo a taxa de reposición do 10%.  A CIG vén denunciando os efectos que isto está tendo nas universidades cunha redución do persoal gallopante e unha falta de renovación preocupante.  O propio ministerio indica que nos próximos tres anos poden rematar contratos entre 5000 e 6000 axudantes ou axudantes doutores sen posibilidade de estabilización.  A solución que está estudando é prolongar a precariedade prorrogando algún ano eses contratos aínda que tampouco ten o acordo do ministerio de Facenda para ese parche.
A CIG quere lembrar que a Xunta de Galicia este ano autorizou as prazas de Axudante Doutor cunha duración dun só ano polo que mesmo a duración legal do contrato, ata cinco anos, será obxecto de prórrogas (1+1+1+1+1) aumentando a inestabilidade e podendo non chegar ao máximo permitido.
Acreditación: endurecemento das condicións e falta de solución para as decisións arbitrarias e opacas
O proxecto de Real Decreto de Acreditación permite o control político sobre os nomeamentos das comisións de acreditación, minusvalora a función docente, suporá novas cargas burocráticas para o profesorado e non soluciona os problemas de falta de transparencia e discrecionalidade. 
A CIG presentou un conxunto de enmendas ao borrador do decreto.  Esixiu a designación por sorteo de todos os membros das comisións e a limitación e acortamento dos mandatos previstos (ata catro anos) para favorecer unha rotación que non provoque unha acumulación de poder en poucas mans tendo en conta que desaparecen os avaliadores e todo o proceso decisorio o toma a comisión de acreditación. 
A CIG non concorda con que se poida conseguir a acreditación cunha avaliación desfavorabel da actividade docente, do mesmo xeito que non se pode conseguir cunha avaliación investigadora desfavorabel.  Tampouco con que se poida conseguir a acreditación para Cátedras sen experiencia docente de ningún tipo ou que poidan formar parte das comisións de acreditación persoaos sen experiencia docente.  A actividade investigadora e docente deben ser valoradas e se alimentan mutuamente no PDI.
A CIG é crítica con que o Real Decreto non inclúa no anexo elementos de obxectivización dos criterios de avaliación. 
Concurso de traslados: unha vía para que o ministerio solucione a quebra do CSIC
Por primeira vez quere abrirse o camiño para que as universidades poidan sacar a concurso de traslados sen que computen para a taxa de reposición de efectivos.  Non obstante, o ministerio introduce un dardo envelenado no proxecto de lei.  As persoas con praza no CSIC poderán concursar sen ser parte dos corpos docentes universitarios simplemente por ter a acreditación para o corpo.  Non se contempla que os acreditados dos corpos docentes universitarios poidan participar.  Así por exemplo, un profesor de investigación acreditado para o corpo de Catedráticos de universidade podería participar no concurso pero un profesor titular de universidade coa mesma acreditación non podería.  A CIG oponse frontalmente a esta falta de reciprocidade xa que a acreditación é un requisito de acceso que debe ter os mesmos efectos para todas as persoas que o teñan: ou ben todos os acreditados deben poder participar nos concursos de traslados ou sería unha regulación contraria ao principio de igualdade.

LIGAZÓN 

O Supremo das Baleares declara nulo o ‘decretazo’ que o Govern copiou de Feijóo

A sala do Contencioso-administrativo do TSIB ditou tres sentenzas contra a norma aprobada polo Govern en 2013 e que xerou unha amplisima contestación social nas Illas. A norma elaborouse tendo como modelo o 'decretazo' da Xunta.

O Tribunal Superior de Xustiza de Baleares (TSXB) declara nulo o decreto que regula a aplicación do TIL (Tractament Integrat de les Llengües) no ensino non universitario. Unha norma que coa desculpa de implantar o “trilingüismo” marxinaba o idioma catalán , segundo gran parte da sociedade balear, que protagonizou unha ampla e multitudinaria resposta contra o ‘decretazo’.
O 'decretazo' do trilingüismo, copiado do galego , deixaba no 33% a presenza do catalán nas aulas
Segundo o auto do TSXB, a sala do Contencioso-administrativo ditou tres sentenzas nas que estima os recursos presentados por STEI, CCOO e UGT contra a norma aprobada polo Consell de Govern en abril de 2013. As resolucións están avaladas polos 5 maxistrados da sala, sen votos particulares. O Govern, sinala o auto, non consultou á Universidade sobre esta norma malia que no propio estatuto de autonomía se consagra a esta institución como órgano consultivo preceptivo en todo o que atinxe á regulación do idioma propio.
O Tratado integrado de linguas, un 'decretazo' do trilingüismo copiado do galego e que deixaba no 33% a presenza do catalán nas aulas; e para apoiar @s milleiros de docentes que fan greve indefinida desde o 16 de setembro en contra dunha norma aprobada, segundo o Govern, "porque é importante saber inglés".
As manifestacións máis multitudinarias da historia de Baleares, folgas no ensino cun amplo seguimento, mobilizacións, ducias de actos de todo tipo... a oposición a este decreto mobilizou a milleiros de persoas.
O Tratado integrado de linguas, un 'decretazo' do trilingüismo copiado do galego e que deixaba no 33% a presenza do catalán nas aulas; e para apoiar @s milleiros de docentes que fan greve indefinida desde o 16 de setembro en contra dunha norma aprobada, segundo o Govern, "porque é importante saber inglés".

As familias do Rosal féchanse no CEIP para reclamar unha praza docente

A Consellaría de Educación négase a conceder unha praza docente que ao centro lle corresponde por dereito segundo o catálogo deseñado pola propia Xunta.

As familias do Rosal e a equipa docente do CEIP Manuel Suárez Marquier levan en pé de loita desde o pasado 4 de setembro cando se inaugurou o curso escolar 2014-2015. Este centro de ensino primario e secundario conta para este curso cunha praza menos entre o profesorado, unha decisión, afirman, "adoptada unilateralmente" pola administración.
Após o rexeitamento por parte da xefatura territorial de asignar @ docente que "nos corresponde", apunta, a Asociación de nais e pais do centro encetou un "fechamento indefinido" pois, explica Anxo Vaquero, o seu presidente, "temos claro que a calidade do ensino se vai ver prexudicada".
Cando a equipa docente do Suárez Marquier recibiu a circular en que se lles asignaban @s profesor@s para este ano "pensaban que era un erro administrativo", conta Vaquero. Das 17 prazas que lle corresponden ao colexio --de acordo co catálogo deseñado pola propia Xunta de Galiza-- viron que unicamente lles eran asignad@s 16. O centro conta con "dez unidades escolares" e un total de "421 alumnos", entre @s que se atopan vari@s con "necesidades educativas especiais".
A xefatura territorial di que "non nos fai falta" esa praza porque o persoal docente pode "asumir perfectamente" as actividades mais, "ou non se informaron ou queren intoxicar", deununcia a Anpa
A Xunta di que "non é necesario" 
Porén, perante as reclamacións presentadas pola dirección, a xefatura territorial de Pontevedra, con César Pérez á cabeza, rexeitou asignar unha persoa máis porque, afirman desde a Anpa, "din que non nos fai falta". Neste senso, a administración emitiu un comunicado o 11 de setembro en que asegura que o profesorado do CEIP Suárez Marquier pode "asumir perfectamente" todas as actividades e servizos para "un correcto funcionamento" do servizo. No entanto, profesorado e familias concordan en sinalar que "mesmo cubrindo esa praza nós pensamos que non chega" pois "temos 7 aulas con 24 alumnos".
Así as cousas, desde Educación retrucan que a ratio por docente son "25 alumn@s" e que no centro, ningunha aula está a superar @s 20. "Ou non se informaron", sinala Anxo Vaquero, "ou quixeron intoxicar con ese comunicado". Desde a Anpa, critican con dureza que ningún representante da administración teña visitado o colexio para "comprobar in situ as condicións" do ensino nen as demandas da equipa docente e a Anpa. "A súa intención é recortar ese profesor e, a verdade, non sabemos moi ben por que".
"A súa intención é recortar ese profesor e, a verdade, non sabemos moi ben por que"
Estudan novas medidas de presión
"Se mudasen o catálogo por mor dos recortes non nos quedaría máis remedio que aceptalo e protestar nas urnas", asegura este pai. Destarte, "o que non pode ser é o se que nos está a dicir, que a lei é interpretábel". Por esta razón, a Anpa decidiu iniciar un fechamento indefinido nas intraestruturas do centro "até que se nos conceda a praza". Aliás, non descartan desenvolver máis medidas.
"Hai que manter os tempos", explica Vaquero, "porque os prexudicados son os nosos fillos", polo que, "imos esgotar todas as vías de negociación e procurar máis apoios" entre as "forzas vivas do Concello do Rosal" e a Federación de Anpas. Así as cousas, advirten, "hai máis cousas previstas, algunhas delas que poden forzar as actuais posicións".

O Plan de Normalización perde no Parlamento a unanimidade de hai dez anos

Por segunda vez debátese no pleno do Parlamento o Plan de Normalización Lingüística. Se hai dez anos contou co consenso de todos os grupos, incluído o PP presidido por Fraga, desta volta o partido do goberno rexeitou a iniciativa do BNG que esixía o seu cumprimento.

“Todas as medidas que se contemplan no Plan non se poden aplicar de materia inmediata nin uniforme”, respondeu o deputado do PP, Agustín Baamonde, á iniciativa presentada pola parlamentaria do BNG, Ana Pontón que se encamiñaba a esixir o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística que esta semana cumpría os dez anos da súa aprobación por unanimidade na mesma cámara do Pazo do Hórreo.
O PP sinala que non se poden aplicar todas as medidas do Plan e racha de maneira explícita un consenso que xa tiña fracasado na práctica. A deputada Ana Pontón deixouno á vista ao debullar unha situación na que a discriminación segue a se impoñer sobre quen quere desenvolver a vida na nosa lingua. “Non queremos traer coroas de flores para certificar o enterramento que fixo Feijóo do Plan”, dixo Pontón quen defendeu un “cambio de rumbo” na política lingüística do goberno. Malia iso, do PP non ía obter nin un sinal de mudanza nas súas posicións, o deputado Agustín Baamonde apurouse a lembrar que o Plan carecía de rango de lei co que cuestionaba tamén o seu cumprimento e a ilegalidade de actuacións contrarias ás medidas que recolle. Acusou tamén á oposición de ter sido responsábel da perda do consenso na aprobación do decreto do 2007, co bipartito no goberno.
Sen cambio de rumbo e cun abano de incumprimentos
Referiuse Pontón ás palabras do escritor Agustín Fernández Paz nas que afirmaba que as persoas galego falantes sabían que “a liberdade lingüística é limitada” e recoñecía atrancos que non tiñan os españois falantes e defendeu o dereito a vivir en galego con normalidade. “Non queremos ser galegos e galegas de segunda. A igualdade non existe e a discriminación é evidente para a lingua propia que creou o noso pobo”, afirmou a deputada, antes de botar man dun abano de datos para confirmar o incumprimento do plan no goberno de Feijóo. Lingua desaparecida das escolas infantís, só o 4% das sentenzas xudiciais en galego, nula presenza no cinema, ausencia dun diario en galego e falta de apoio para iniciativas que levan a nosa lingua á prensa, docencia de menos dun 20% en galego na Universidade e marxinación no mundo da empresa ademais de abandono de sectores claves como o editorial foron algúns dos exemplos que a deputada nacionalista puxo para esixir o fin do que chamou “política de demolición que busca manter a desigualdade e contraria ás leis do ordenamento galego”.
Pediulle a deputada responsábel da iniciativa ao PP que “abandone a hostilidade e volva ao consenso do Plan de Normalización Lingüística”, mais só conseguiu o apoio de AGE a través do seu deputado Xabier Ron e do PSOE por medio de Francisco Caamaño. Ron definiu o plan como unha “ferramenta preciosa” e reclamoulle ao PP que se erguera do “diván freudiano” e apoiara a iniciativa mentres Caamaño falou do PP referíndose aos seus “dirixentes cun complexo profundo” que poden conducir ao galego a unha situación semellante “ao latín, unha lingua morta mais algúns ímonos rebelar contra esta situación.