venres, 8 de abril de 2016

A ‘lingua común’ do nacionalismo lingüístico

Un dos tópicos máis recorrentes en España é o de que o castelán é a lingua común. Non son poucos os galegos e os españois que, por exemplo, se queixan do empeño dalgúns parlamentarios en utilizar o catalán, o galego ou o vasco cando se dirixen ás súas señorías desde a tribuna en Madrid. Por que non se expresan en español, que todos compartimos? Moreno Cabrera púxolle a este razoamento unha etiqueta inequívoca: nacionalismo lingüístico. Neste discurso, a cómoda situación do español é natural e inevitábel, mentres os intentos que se dan nas distintas comunidades lingüísticas distintas da castelá de superar a discriminación que padecen os seus falantes constitúen unha empresa propiamente ideolóxica. Dáse por suposto que a supremacía do español ten unha explicación estritamente intralingüística –esta lingua sería tecnicamente superior– e óbviase por completo o feito de que, en realidade, está determinada por intereses nacionais moi concretos e, polo tanto, de forma claramente extralingüística, é dicir, social, política e económica. O prestixio do castelán non ten, na súa orixe, nada que ver coa gramática ou coa literatura e si, pola contra, co poder político, militar, demográfico e económico. O nacionalismo lingüístico levou en España a que, na práctica, se negue o plurilingüismo. Por exemplo, cando non se admite, porque o castelán é a lingua común, que un parlamentario galego se dirixa na súa lingua aos seus compañeiros no Congreso dos Deputados. E isto despois de case catro décadas de democracia!
Un galego que viaxe por España pode ter unha experiencia curiosa. Se decide levar a cabo unha concienciuda exploración de rúas, monumentos, museos e exposicións nas fermosas cidades e vilas que existen no país vai darse de conta de que non atopa xamais a máis mínima indicación en galego; si, claro está, en español, pero tamén en inglés, francés, alemán e mesmo en italiano ou en ruso, pero non en galego, nin tampouco en catalán ou en euskera. Pero en realidade nin sequera é necesario saír da casa para ver cousas rechamantes. Basta con consultar na internet os distintos medios de comunicación españois. Hai acaso algún que, por pórmos un exemplo, se faga eco das novidades editoriais galegas? A historia, obviamente, non se pode cambiar, e hoxe os galegos somos perfectamente competentes en lingua castelá. Podemos utilizar o español sen problema ningún, pero vivimos nun Estado plurinacional onde moitos aspiramos lexitimamente a que a nosa lingua teña un recoñecemento institucional –non só en Galiza– que demostre a vontade xeral de inclusión. É dicir, os españois teñen que aprender a convivir coas distintas culturas nacionais dun xeito inclusivo. Que nos museos de España –moitos dos cales son auténticas marabillas– haxa letreiros e folletos en varias linguas agás nas propias de países como Galiza resulta moi chocante e fai que moitos cidadáns se sintan sumamente incómodos. Despois de todo, os galegofalantes tamén pagan impostos! Como explicarmos que os xestores culturais españois amosen unha insensibilidade tan teimuda se non é acudindo ao concepto de nacionalismo lingüístico?
Dous exemplos recentes ilustran a vixencia deste nacionalismo entre nós. Así, o portavoz de cultura do grupo parlamentario popular no Parlamento de Galicia negou, contra toda evidencia, que o galego teña unhas pésimas perspectivas –evidencia constatada tamén hai pouco polo Consello de Europa, que observa como en Galiza, particularmente no sistema educativo, se incumpre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias– e cualificou de nacionalistas os defensores dunha política lingüística alternativa, encaixando deste xeito no modelo argumental descrito por Moreno Cabrera. Por outra banda, a sentenza do TSXG que anula parcialmente a Ordenanza de uso do galego na administración municipal de Lugo tamén reflicte, no fondo, a vitalidade do nacionalismo lingüístico español. A norma, aprobada por unanimidade en 2012, é expresión dun consenso político a prol dunha discriminación positiva necesaria para frear o devalo da lingua galega no actual proceso de bilingüización forzosa. Estivo vixente durante varios anos sen que se soubese que ningún cidadán fose prexudicado en ningún dos seus dereitos. Pero o carácter común do español non pode ser cuestionado nin de lonxe. Tamén é certo que, co paso das xeracións, a lingua castelá acabou sendo considerada como propia por moitísimos cidadáns. Esta páxina da nosa historia xa está escrita. De nós depende agora crear as condicións para que, dentro e fóra de Galiza, a lingua do país volva ter un futuro.

2 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. Fonte: http://lauxacpraza.tumblr.com/post/142280329792/a-lingua-común-do-nacionalismo-lingüístico

    ResponderEliminar