luns, 12 de decembro de 2016

Os sindicatos rexeitan o triunfalismo da Xunta polos resultados de PISA

Esta semana coñecéronse os resultados dunha nova entrega das probas PISA, correspondentes a 2015 e realizadas con anterioridade á implantación da LOMCE. O alumnado galego de 15 anos mellorou notablemente en matemáticas e en lectura e mantivo o seu nivel en ciencias. Uns bos datos que se produciron, en paralelo, cunha mellora das posicións globais de España, grazas sobre todo á redución das notas acadadas noutros países e a incorporación de novos Estados, que fixeron descender as medias.
Para UGT a mellora "é debida ao esforzo e compromiso do profesorado e non das medidas educativas impostas desde a administración do Goberno que só serviron de atranco para o labor docente"
O Goberno galego reaccionou con euforia, sinalando que "os datos confirman que o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo", unha valoración que repetiu nun informe debatido no Consello da Xunta celebrado este venres. Os sindicatos educativos tamén destacaron o carácter favorable dos resultados para Galicia, pero evitaron caer neste triunfalismo amosado tanto polo Executivo autonómico coma polo Ministerio de Educación. Ademais, case todas as centrais sindicais subliñaron que os datos son en todo resultado da aplicación da LOE, tan criticada polo PP, e previos á LOMCE. De igual xeito, fixeron fincapé no papel desenvolvido polo profesorados, ao que responsabilizan dunha parte da mellora nun tempo marcado igualmente polos recortes.
Por exemplo FeSP-UGT congratulouse da mellora, pero sinalou que esta mellora "é debida ao esforzo e compromiso do profesorado e non das medidas educativas impostas desde a administración do Goberno Popular que só serviron de atranco para o labor docente". "Diminuíu o gasto público en educación -cunha perda de 7.300 millóns de euros nos últimos anos-, recortáronse os cadros de persoal docente, recortáronse os salarios, cargouse aos docentes con máis tarefas burocráticas e organizativas, non se puxeron os medios necesarios para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais e aínda así melloraron os resultados. Isto só pode ser debido ao gran compromiso educativo que a inmensa maioría dos docentes teñen cos seus alumnos e os seus centros, o que pon de manifesto que é fundamental que o Goberno conte co profesorado para o deseño de políticas educativas máis eficaces", salientou o sindicato.
A CIG atribuíu ao esforzo do profesorado a mellora das competencias en comprensión lectora e matemáticas en Galicia. Porén, o sindicato nacionalista afirmou que "non se poden botar as campás a voar" e pediu a derrogación da LOMCE
Ademais, UGT subliñou que "non é certo que as medidas educativas impostas polo goberno do Partido Popular sexan xustas e equitativas, como o demostra que os nenos de familias acomodadas teñan en ciencias unha media de 533 puntos, as de clase media 511 e as de clase social baixa 492 puntos. Se 30 puntos, segundo os  parámetros PISA, equivalen a un curso, quere dicir que entre ricos e pobres hai unha brecha de máis dun curso".
De igual xeito, a CIG atribuíu ao esforzo do profesorado a mellora das competencias en comprensión lectora e matemáticas en Galicia. Porén, o sindicato nacionalista afirmou que "non se poden botar as campás a voar" e pediu a derrogación da LOMCE e a súa substitución por un modelo consensuado entre a comunidades educativa.
Para ANPE, "a situación do sistema educativo español mídese mellor con outros estándares máis obxectivos, por exemplo, os índices de fracaso e abandono escolar"
Tamén ANPE-GALICIA resaltou "o labor do profesorado galego" como responsable da mellora dos datos. Porén o sindicato salienta que "a situación do sistema educativo español mídese mellor con outros estándares máis obxectivos, por exemplo, os índices de fracaso e abandono escolar". E afirma que o informe "mostra que os países que apostaron por mellorar a situación do profesorado e o seu recoñecemento laboral e profesional obtiveron os mellores resultados", en referencia sobre todo a Portugal.
CC.OO. lembra que "todas as avaliacións sinalan que as diferenzas territoriais están a reducirse dende que as CCAA asumiron as competencias en educación"
CC.OO. subliña, pola súa banda, que "en España as diferenzas territoriais medidas por PISA son menores que noutros países coa educación máis centralizada, o que pon de manifesto que a descentralización da educación non repercute en perda de dereitos" e que "todas as avaliacións sinalan que as diferenzas territoriais están a reducirse dende que as CCAA asumiron as competencias en educación". Porén, alerta de que "esa redución foi freada polo goberno de España ao suprimirse dende o inicio da anterior lexislatura os fondos de cooperación e compensación territorial en educación que danaron especialmente as zonas con menor desenvolvemento de España".
O sindicato rexeita a valoración realizada polo Ministerio de Educación "pois despois de manifestar durante toda a etapa Wert que o noso sistema educativo era un desastre, agora se argumenta que obtemos uns resultados históricos sen que PISA mostre variacións substanciais". Rexeita así mesmo "o triunfalismo amosado pola Consellería polos resultados que se refiren a Galicia, dado que se está a vincular a mellora no ámbito científico matemático a accións no sistema educativo que aínda non teñen a vixencia para ser avaliadas". Ademais, denuncia "o sometemento da administración galega aos ditados de PISA ao deseñar a formación do profesorado e as medidas para a mellora do sistema educativo galego en función dos resultados nos ámbitos PISA esquecendo elementos como a atención a diversidade e a eliminación dos elementos descompensadores na educación".
CONFAPA alerta de que "os resultados dependen directamente do que suceda en casa, condicionando o éxito do alumnado ao nivel sociocultural e económico das súas familias e ao apoio que estas poidan dar aos seus fillos e fillas"
Pola súa banda, a Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA) criticou o "triunfalismo" tanto do Ministerio de Educación coma da Xunta de Galicia: "Non deberían sacar peito dos datos porque non lles corresponden. Se estamos a sufrir recortes desde fai xa case unha década, como se explican os datos actuais? Sinxelo, os centros educativos e, de xeito moi especial, as familias, estamos compensando os efectos deses recortes", destaca. Alerta de que "os resultados dependen directamente do que suceda en casa, condicionando o éxito do alumnado ao nivel sociocultural e económico das súas familias e ao apoio que estas poidan dar aos seus fillos e fillas. Se este apoio non pode darse, ou non é suficiente para compensar o que a escola non fai, o alumnado ten todas as papeletas para descolgarse no seu progreso educativo e fracasar".
Confapa conclúe que "é urxente que cambiemos o sistema educativo, pero non para manter a LOMCE e que os seus efectos perversos cheguen de todo ao sistema educativo, senón para camiñar en sentido contrario e avanzar cara a un modelo educativo que poña no centro do sistema ao alumnado e as súas necesidades".

Ningún comentario:

Publicar un comentario